Monday 29 de April de 2024

Galicia confírmase como unha das comunidades máis activas no Erasmus+ con 12 proxectos aprobados e un orzamento de 318.000 euros na segunda rolda do programa europeo


A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado leva a cabo funcións de información, asesoramento, avaliación e seguimento de todos os proxectos presentados no marco do ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’ na Comunidade Autónoma de Galicia

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, como parte integrante da Axencia Nacional Española do programa Erasmus+, leva a cabo funcións de información, asesoramento, avaliación e seguimento de todos os proxectos presentados no marco do ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’ na Comunidade Autónoma de Galicia. Na segunda rolda deste programa, Galicia confirmouse como unha das comunidades autónomas máis activas tanto no número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea. Deste xeito, na segunda rolda do programa europeo ‘Erasmus+:Xuventude en Acción’ foron aprobados en Galicia 12 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís cun orzamento total de 318.046,66 euros. Galicia sitúase, así, no grupo de comunidades máis activas en canto á participación de mozos e mozas en programas de mobilidade e aprendizaxe non formal.

O programa Erasmus+: Xuventude en Acción estrutúrase en tres accións clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas.

Respecto á mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe, diferéncianse dúas modalidades: a mobilidade de mozos e mozas a través de proxectos de intercambios xuvenís e Servizo Voluntario Europeo, e a mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude a través de proxectos de formación e intercambios de boas prácticas. Nesta segunda quenda do 2016 foron aprobados en Galicia 8 proxectos: 1 proxecto combinado de formación e mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude, 2 proxectos de Servizo Voluntario Europeo e 5 proxectos de intercambios xuvenís.

Tocante á cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas, financia proxectos de asociacións estratéxicas no ámbito da educación, a formación e a xuventude. Nesta acción na primeira quenda do 2016 foron aprobados 3 proxectos proxectos nesta acción. No que atinxe ao apoio ás reformas das políticas, fomenta o diálogo estruturado entre mozos e mozas e responsables da toma de decisións no ámbito da xuventude. Nesta acción clave, na segunda quenda do 2016 foi aprobado 1 proxecto en Galicia.

Outras quendas e edicións
O prazo de presentación de proxectos para a terceira e última quenda do 2016 é ata o vindeiro 4 de outubro. Na primeira rolda do programa europeo ‘Erasmus+:Xuventude en Acción’ foron aprobados en Galicia 16 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís cun orzamento de 228.891 euros. No ano 2015 no marco do programa europeo foron aprobados en Galicia un total de 38 proxectos nos que participaron arredor de 1.263 mozos e mozas e cun orzamento total de 923.331 euros.